Araceli Gonda, Alberte Pagán ou Alba Dominguez Serén, entre as figuras participantes do Facom Fest

Os xurados das diferentes categorías contarán con figuras do sector audiovisual como Araceli Gonda e Diego S. Staub (ficción), Alberte Pagán e Ángeles Huerta (non ficción) e Alba Domínguez e Xaime Miranda (videoclip).
Cada un dos xurados contará tamén coa presenza de alumnado da USC, que compartirá os procesos de visionado e deliberación con cineastas e profesionais do sector.

Santiago de Compostela, 12 de Novembro de 2024. As pezas enviadas polo alumnado de centros de toda Galicia á sección competitiva do Facom Fest, o festival de contidos audiovisuais organizado polo alumnado da USC, serán valoradas, segundo a categoría de pertenza, por 3 xurados diferentes, cada un deles formados por un alumno da facultade e dous profesionais do sector audiovisual.

O número de pezas inscritas é de 83, cifra que supera significativamente á do ano anterior. Farase unha selección dos contidos presentados entre as distintas categorías (ficción, non ficción e videoclip) e, aqueles que pasen esta, serán proxectados do 25 ao 28 de Novembro.

Xurado de ficción

Na categoría de ficción, teremos como xurado a Araceli Gonda e Diego S. Staub.

Araceli Gonda é guionista con experiencia en cine, televisión e teatro. Entre os seus traballos máis destacados no ámbito cinematográfico están comedias como a recente Me he hecho viral, Cuñados (e a súa secuela, +Cuñados) ou ¡Salta!. En televisión, ten escrito en series como Hierro (recoñecida por premios como os Ondas, os Feroz ou os do sindicato de guionistas ALMA), Padre Casares ou Cuarto sen ascensor. Ademais, traballou con persoas moi importantes do sector como Jorge Coira, Olga Osorio ou Carlos Sedes.

Diego S. Staub , mesturador de cine e editor de foley, tamén formará parte do xurado desta categoría. Posúe unha ampla traxectoria dentro da creación sonora para o medio audiovisual e cinematográfico. Destacan entre os seus traballos, series como La Unidad, Rapa ou Antidisturbios, películas de moito éxito comercial como Matria, Verónica, Un año ou Maixabel. Tamén, ten traballado con cineastas de prestixio como Pedro Almodóvar, Alice Rohrwacher ou Icíar Bollaín.

Xurado de non ficción

Como xurado na categoría de non ficción, teremos como figuras participantes a Alberte Pagán e Ángeles Huerta. 

Alberte Pagán é un importante escritor e cineasta galego. Abordou unha variedade de temas e técnicas na súa filmografía, sendo máis característico o uso de diferentes tradicións do cinema experimental, ámbito no que tamén ten publicado libros e entrevistas sobre a obra cinematográfica de figuras como Andy Warhol, Eugenio Granell ou Peter Kubelka.

Entre os seus traballos, pódense destacar obras como Bs. As, Uluru, Elefante ou Tanyaradzwa.

Ángeles Huerta, pola súa parte, é unha directora de cine e guionista. Actualmente está traballando nun filme chamado Antes de Nós, un drama sobre a figura de Castelao, que busca entender como era este, profundizando nas súas emocións e circunstancias.

Recentemente realizou O corpo aberto, longametraxe de terror basado nun relato do escritor galego Xosé Luis Méndez Ferrín, que marcou o seu debut na ficción tras varios documentais feitos. Outro dos seus traballos máis relevantes foi o documental Esquece Monelos, que trata sobre a historia e o esquecemento do río Monelos, onde tamén reflexiona sobre a memoria urbana e a pérdida da natureza.

Xurado de videoclip

Por último, na categoría de videoclip, contaremos con Alba Domínguez e Xaime Miranda. No caso de Alba Domínguez, gañadora este ano de dous premios no Festival Intersección en A Coruña pola súa dirección na curtametraxe Delincuente, traballou como creadora dos videos musicais Alma, de Berto e Todo o que che din, do grupo Verto. Tamén ten feito traballos como montadora en Drifting Away, de Thea Nyboe, e no ámbito do son, o documental Os Corpos.

Xaime Miranda é un dos autores cunha traxectoria máis destacada no ámbito do videoclip en Galicia. Un dos proxectos máis relevantes foi o videoclip De Bruma e Salitre, da banda galega Mileth. Foi premiado a mellor videoclip no Festival Internacional de Cine de Vigo e tamén no Festival de Cine OUFF, en Ourense.

Ademais, tamén traballou con artistas como Grande Amore, Boyanka Kostova, Oh Ayatollah, Agoraphobia, Heredeiros da Crus, Xoel López ou Ortiga.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *