1. Sobre o festival
O Facom Fest constitúe unha oportunidade para visibilizar as primeiras obras das novas xeracións do audiovisual galego. Organizado polo estudantado de Comunicación Audiovisual da USC, búscase darlles unha maior vida ás pezas realizadas polos estudantes dos diferentes centros de Galicia, que en moitas ocasións quedan reducidas a traballos académicos sen a expectativa dun visionado público. O festival pretende tamén conformar un espazo no que compartir os diversos talentos e intereses do alumnado, proporcionando un punto de encontro no que estes poidan comezar a construír a súa rede de contactos, darse a coñecer no sector e gañar unha experiencia práctica máis próxima ao mundo profesional.
Ofrecemos tamén nesta nova edición a posibilidade de que todo estudantado matriculado en calquera universidade ou centro de formación galegas participe e presente as súas obras no festival, independentemente de que estudos estea a realizar. Tamén se poderían presentar alumnxs que acabasen de rematar as súas titulacións no 2024 ou que, a pesares de estudar fóra, realizasen ou realicen parte dos seus estudos en Galicia mediante o programa SICUE ou ERASMUS, así como estudantes galegos que leven ou levasen a cabo obras audiovisuais durante as súas estadías no estranxeiro ou noutras zonas do territorio español.
Esta 3ª edición do Facom Fest levarase a cabo entre os días 25 e 28 de novembro de 2024 en Santiago de Compostela.
2. Seccións
O Facom Fest está conformado por dúas seccións: competitiva e non competitiva.
2.1. Sección competitiva
Neste apartado, toda persoa poderá presentar obras pertencentes a calquera xénero, pero formalizando a súa inscrición nunha destas tres categorías:
FICCIÓN: Nesta categoría incluiranse aquelas obras baseadas na construción de universos, personaxes e historias ficticias ou que reimaxinen a realidade. Poderíanse entón, enmarcar no grupo de ficción xéneros clásicos coma o drama, a comedia, o misterio, o romance, o terror, o thriller, a fantasía ou a ciencia ficción, pero tamén pezas menos convencionais que respondan ás características anteriormente descritas.
NON FICCIÓN: Incluiranse nesta categoría aquelas pezas que non se encadren na anterior. Poden ser tanto obras que representen, reproduzan ou creen un discurso sobre o real (como reportaxes, documentais, cine etnográfico ou científico, programas televisivos…), como obras cun carácter máis expositivo, poético ou reflexivo (como ensaios e correspondencias fílmicas, spots publicitarios ou outro tipo de produtos experimentais difíciles de catalogar).
VIDEOCLIPS: Incluiranse nesta categoría todo tipo de vídeos musicais. Está dirixida principalmente aos videoclips, pero tamén poderá encadrar pezas máis experimentais ou outras onde a música sexa o motivo central.
As pezas seleccionadas desta sección incluiranse na programación e serán proxectadas.
2.2. Sección non competitiva
O Facom Fest tamén incluirá unha sección non competitiva de carácter aberto e enfocada só e unicamente á exhibición de obras. Así, as persoas que queiran visibilizar o seu traballo ou proxecto sen necesidade de compensación de ningún tipo tamén poderán inscribirse no festival.
As pezas seleccionadas desta sección incluiranse na programación e serán proxectadas.
3. Inscrición das obras
3.1 A inscrición das obras deberá formalizarse a través deste formulario, que permanecerá aberto dende o 18 de outubro ao 5 de novembro. Nel, as persoas autoras deberán cubrir datos persoais, así como características esenciais da súa obra. Tamén deberán especificar a sección na que queren participar e encadrar a peza dentro das tres categorías propostas, existindo a posibilidade de cambio se a equipa do festival o considera axeitado (sendo esta decisión consultada sempre coa persoa autora).
3.1.1.Debe incluírse un link/ligazón que permita o visionado e descarga da obra. As plataformas de envío de contidos que se permiten para o festival son:
- OneDrive
- Google Drive
- Vimeo (con opción de descarga obrigatoriamente)
- Mega
Aquelas obras enviadas a través doutra plataforma serán automaticamente descartadas.
3.1.2. Para a sección competitiva, é requisito esencial que toda persoa ou equipa que presente as súas obras engada neste formulario un dossier da peza en formato PDF. Neste dossier deben ser incluídos os seguintes datos, no caso de habelos:
- Nome da obra
- Ano de realización
- Idioma da obra
- Duración da obra
- Dirección
- Producción
- Guión
- Nome dos intérpretes e dos seus respectivos personaxes
- Montaxe
- Fotografía
- Breve sinopse/resumo da peza (entre 25 e 250 palabras)
- Fotogramas da peza ou póster en caso de telo
- Traxectoria previa da peza, especificando en que ámbito se realizou e se se presentou a algún concurso ou festival anteriormente
- Posibilidade de mandar enlace dun tráiler ou teaser que, de ser a obra seleccionada e co permiso da persoa autora, se poderá subir ás redes sociais do festival
Aquelas obras enviadas sen dossier serán automaticamente descartadas, así como nas que falten algún dos datos requeridos previamente.
3.2. As obras inscritas deben cumprir as seguintes características técnicas:
- Duración: 60 minutos máximo
- Resolución: mínima de 720p e máxima de 1080p
- Arquivos: .mp4 ou .mov
- Códec: H.264
- Subtítulos en obras realizadas en idiomas que non sexan galego ou castelán (formato .srt)
3.3. Cada participante poderá presentar un máximo de 3 obras, mais cunha inscrición independente para cada unha.
3.4. O prazo de inscrición das obras abrangue dende o 18 de outubro ata o 5 de novembro de 2024. Unha vez pechado, a organización do festival formará un comité de selección que decidirá que obras forman parte do programa, o cal será anunciado uns días despois.
De ser escollida a obra, contactarase ca persoa autora para asegurar a súa conformidade coa categoría adxudicada e a proxección da súa peza.
O festival gárdase os dereitos de poder exhibir as obras seleccionadas durante o período dun ano para a proxección noutros posibles eventos en universidades e centros galegos, sempre con fins non lucrativos.
4. Xurado e premios
Nas categorías competitivas, FICCIÓN, NON FICCIÓN e VIDEOCLIP, haberá unha persoa (ou equipa) gañadora por cada unha que será obsequiada cun diploma acreditativo e un premio consistente nun val de 200€ para gastar en material audiovisual na tenda Elcom Santiago.
Alén dos premios, o xurado resérvase o dereito a outorgar, como máximo, cinco das seguintes mencións en cada unha das tres categorías:
- Mellor dirección
- Mellor dirección de fotografía
- Mellor dirección de arte
- Mellor guión
- Mellor montaxe
- Mellor actuación
- Mellor son
- Mellor banda sonora
Deste xeito, o xurado poderá escoller entre estas 8 mencións cales outorgar aos participantes (lembramos, máximo 5). A organización resérvase o dereito a non entregar ningunha mención se non o considera necesario.
Ademais, outorgarase unha nova mención, de carácter obrigatorio, correspondente ao Premio do Público. Ao final de cada xornada de proxeccións, compartirase un QR entre os asistentes a través do cal accederán a unha enquisa onde poderán valorar, do 1 ao 5, cada unha das pezas proxectadas nesa sección. Deste xeito, calcularase unha puntuación media de cada obra. Finalmente, aquela obra que acade a máxima puntuación media recibirá o premio do público. En caso de empate nas medias, gañará a peza cun maior número de máximas puntuacións (maior número de 5). Será necesaria unha participación significativa sobre o total para que a puntuación se tome en conta.
Na sección competitiva haberá un xurado para cada categoría (formado por unha persoa do xurado novo e dúas do profesional) coa fin de ter unha maior amplitude de percepcións en canto á valoración das obras:
- Xurado novo: estará composto por estudantes pertencentes á USC. A escolla deste xurado partirá da realización dun formulario que as persoas que estean interesadas en formar parte do festival deberán cubrir cos seus datos persoais e categoría na que lles gustaría participar.
- Xurado profesional: estará composto por profesionais do sector audiovisual seleccionados pola equipa do festival.
Para calquera dúbida relacionada coa inscrición das obras, contacta con programacion@facomfest.com.