Coñece as obras premiadas do FacomFest 2024!

– As obras de Miguel Barcia, María Martelo e Daniel Filloy resultaron vencedoras nas categorías de Ficción, Non ficción e Videoclip, respectivamente.
– As pezas gañadoras déronse a coñecer na gala de clausura do festival, onde tamén se outorgaron oito mencións por parte do xurado.
– Anunciáronse tamén o premio do público, o premio outorgado polo festival colaborador, Novo Enfoque, e as fotografías gañadoras do concurso de creación rápida, aberto á participación dende a semana previa ao festival.

O Facom Fest 2024 celebrou hoxe 28 de novembro a clausura da súa terceira edición no auditorio da Facultade das Ciencias da Comunicación. Taquión de Miguel Barcia, O niño da laverca de María Martelo e Sísifo de Daniel Filloy son os gañadores da sección competitiva nas categorías de Ficción, Non ficción e Videoclip, respectivamente. Ao longo do evento de despedida, conducido polas alumnas Raquel Cocaño e Bárbara María Domínguez, realizáronse sorteos, proxeccións das principais obras premiadas e un concerto da agrupación Facomband, que antecedeu a Facom fest(a) de peche na Sala Sónar, coa actuación de Jade 4 e os DJ sets de Tank Girl e Niandra.

O acto de despedida tivo lugar despois de catro días de actividades culturais e proxeccións, que serviron para conectar o estudantado galego con profesionais do audiovisual. Precisamente, os xurados do Facom Fest combinaron a presenza desas figuras do sector con estudantes, que valoraron as máis de 30 obras a competición.

Así, o xurado de Ficción escolleu como gañadora da súa categoría a Taquión, de Miguel Barcia. Esta historia de ciencia ficción, que combina vídeos caseiros con fotogramas impresos e escaneados, foi premiada pola combinación da estética de cinema B co experimental e a posta en escena de numerosas “ideas chulas”. Nesa mesma categoría, o xurado outorgou tamén cinco mencións: á dirección de Luján Monteiro por Cinexín; á dirección de fotografía de Gralla, de Daniel Filloy e Rebeca Tella, a cargo tamén de Miguel Barcia; á dirección de arte de May You Live To See the Dawn, realizada por Patricia Lleras (tamén directora da peza) e Ramón Martínez; á montaxe de Porquenoncontestas??? de Telmo Portas e ao guión de Sinapse, a cargo do seu director, Carlos Cuesta.

Pola súa banda, o xurado de Non Ficción seleccionou como gañadora a O niño da laverca, de María Martelo. Esta nostálxica narración de cinco minutos de duración bota a vista atrás a unha infancia deconstruída, e recibe o premio, entre outros motivos, polo seu excelente tratamento sonoro e o emprego de imaxes de arquivo. Dentro de Non ficción, o xurado decidiu outorgar tamén unha mención á montaxe de Susurros do enxebre, de Candela Conde, directora e responsable tamén deste aspecto.

O xurado de Videoclip seleccionou como gañador o Sísifo de Daniel Filloy, cuxa dirección estivo a cargo do colectivo VALODEMO. Este proxecto acompaña a instrumentación da canción recollendo en tempo real unha performance de movemento expresivo e foi escollido polo seu aproveitamento do espazo e o salientable xogo de iluminación. Dentro da categoría, o xurado engadiu tamén unha mención á montaxe de May (Daniela Rey) e outra á dirección de fotografía de Trilero, dos intépretes musicais Karma e Renchka, en mans de Martín Carrera.

Outros premios

A maiores, esta edición contou con tres novas distincións con respecto ás pasadas entregas do Facom Fest. Por un lado, representantes do certame coruñés Novo Enfoque, festival colaborador desta edición, seleccionaron para unha mención honorífica o videoclip Mi Cruz, froito da colaboración do artista West srk co director Miguel Barcia.

Do mesmo xeito, permitiuse que as espectadoras e espectadores outorgasen por primeira vez un Premio do público, calificando as obras despois de cada bloque de proxeccións ao longo da semana. Este recoñecemento foi para a peza de non ficción Bajando a Graná, subiendo al Albaycín de Nayra Gallardo.

Por último, aínda que non menos importante, deuse a coñecer o nome do gañador do concurso fotográfico de creación rápida organizado dende o festival en colaboración co Club de Foto Facom, sendo para David Alján Lusquiños o primeiro premio e para Clara Tomé Mariño, o segundo.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *