Profesionais do sector audiovisual como Bea Villar, Xaime Miranda ou Lidia Veiga compartirán os seus coñecementos e experiencia a través de distintas actividades.
Javier Ferreiro impartirá a charla Contar historias como modo de supervivencia en Lugo, antes do inicio do festival.
Durante as catro xornadas nas que transcorre o festival, cada mañá haberá actividades para o público e, pola tarde, exhibiranse as pezas seleccionadas nas distintas categorías.
O día do peche do festival chega coas actuacións musicais da recentemente inaugurada Facom Band e a agrupación Jade4.
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2024. O 25 de novembro comeza a terceira edición do festival de contidos audiovisuais no que o estudantado galego é protagonista, o Facom Fest. Ademais das proxeccións, que darán visibilidade ao traballo e creatividade do alumnado dos centros galegos, haberá actividades que serán desenvolvidas en colaboración de profesionais do sector, buscando ofrecer unha perspectiva real e ampla.
Deste xeito, este xoves 21 de novembro, antes do inicio oficial do festival, terá lugar a charla titulada Contar historias como modo de supervivencia, que será impartida por Javier Ferreiro na Casa do Saber, en Lugo, ás 19:00 horas. Nesta actividade, Ferreiro falará sobre a súa andaina no sector audiovisual, os procesos creativos e a importancia da diversidade nos seus traballos. Ademais, animará ao público a participar nos visionados e actividades programadas do festival. Javier Ferreiro, recoñecido polo seu traballo como guionista en Vestidas de azul ou na creación da serie Mariliendre, nova aposta de ficción de Atresmedia, liderará esta iniciativa que busca conectar co público lucense e despertar o interese por este encontro cultural.
Ademais, dentro do marco de actividades do festival, preséntase o concurso Facom Fest Foto, unha iniciativa destinada a impulsar a creatividade do estudantado galego. Esta actividade consiste en capturar unha fotografía que inclúa, de forma libre e creativa, referencias á temática do humor. Buscan imaxes graciosas, estrañas, camp, que deberán ser tomadas entre o 21 e o 27 de novembro, ata as 23:59 horas.
O luns 25 comeza o festival no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación cunha presentación do evento, que terá lugar ás 12:00 horas. A actividade inaugural da xornada será un podcast en directo a cargo do Éxercito Mekemeke, primeiro proxecto en galego finalista nos Premios Ondas Globales del Podcast, xunto con persoal da produtora Mala Herba, responsable de obras como a serie Nómades. Pola tarde arranca a primeira sesión de visionado con coloquios.
O martes, de 12:00 a 14:00 horas, o festival contará cunha sesión retrospectiva que busca achegar ao público a obras pioneiras do audiovisual galego. Esta inclúe o visionado das pezas Coruña imposible (1995, Paco Rañal), Veneno puro (1984, Xavier Villaverde) e Galicia sitio distinto (Antón Reixa, 1988).
O mércores, a partir das 12:00 horas, abrirase a programación do día cunha masterclass sobre o manexo de controladoras DJ, impartida por Galician Army, referente destacado no ámbito da música electrónica. A continuación, celebrarase unha mesa redonda dedicada á creación LGTBIQ+ no mundo audiovisual, que contará coa participación de Bea Villar, Alberte Bello, Bea Sáians, Alma Alonso e Álvaro González.
O xoves 28, último día do Facom Fest 2024, comezará cunha mesa integrada por directores e creadores audiovisuais destacados no ámbito do videoclip: Xaime Miranda, Lara Caeiro, Marina Varela e Anxo Beiro. Nesta sesión, as figuras participantes compartirán as súas experiencias e coñecementos sobre o proceso creativo, técnico e artístico da produción de vídeos musicais.
Para pechar o evento, celebrarase a entrega de premios no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, coñecendo os gañadores de cada categoría (Ficción, Non ficción e Videoclip) e outorgando tamén mencións adicionais a outras pezas. Contarán coa actuación especial da Facom Band, banda formada por estudantes da facultade de Ciencias da Comunicación, e haberá a oportunidade de ver novamente as pezas galardoadas. A noite continuará na sala Sonar coa chamada Facom Fest(a) coa actuación musical de Jade4, banda galega de indie-rock.