O Facom Fest presenta a súa selección competitiva

• O festival seleccionou 29 pezas para a súa sección competitiva e 8 para a non competitiva de entre as 69 obras recibidas

• Autores de centros de toda Galicia e de diversos niveis educativos compiten nesta edición

• A selección inclúe numerosas estreas, pero tamén obras con traxectoria previa en festivais

Santiago de Compostela, 22 de Novembro de 2023 . O 27 de novembro comezará a segunda edición do festival de cine dirixido ao estudantado galego, o Facom Fest. O festival compostelán recibiu un total de 69 inscricións , das cales foron seleccionadas 29 dentro da súa Sección Competitiva e 8 na Sección Non Competitiva. Este ano, ao permitirse a participación de todo o estudantado matriculado en calquera universidade ou centro de formación galego, as pezas son de procedencias variadas e de distintos niveis formativos . Aínda que a maioría das persoas que participan pertencen a algunha das tres principais universidades galegas (USC, UVigo, UDC) tamén hai estudantes de centros como o IES Sanxillao de Lugo, o IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela ou o CIFP Audiovisual de Vigo.

Entre as obras seleccionadas, son 12 as pertencentes á categoría de Ficción, incluíndo pezas que xa tiveron presenza noutros festivais, como Tara de Rebeca Tella e Daniel Filloy (seleccionada en Curtocircuíto ou no VITAFEST de Santiago de Chile) ou Doente de Noelia Sánchez, a cal se estreou no Festival de Aranda 1503. Pola contra, dentro desta categoría hai tamén pezas que aínda non foron exhibidas e que terán a súa estrea no Facom Fest como é o caso de En el valle de la perseverancia de Isaac Gulías (traballo de final de grao do director e a directora de arte, Lucía Freire, para o Grao en Comunicación Audiovisual da UVigo) e La curiosidad mata al gato de Bernat Roqué. Completan a sección a curta de animación Illa Cordura de Mario Fernández, Excoriación de Eva Iglesias, Toxos de Jacqueline Reimúndez e Anxo Cambón, a peza interactiva El dilema de la pistola de Sira Goyanes e Raúl Cobas, Redención de María González, O Silencio de Alex Viador e a comedia de Uxía Soutullo, Súper-Agobiada. No caso da categoría de Non Ficción hai un total de 9 obras, que abarcan dende a tradición documental ata a experimentación ou o uso do material de arquivo doméstico. Da mesma forma, entre as pezas atopánse títulos galardonados noutros festivais, como Tan só o demo lembra, de Dani Iglesias (premiada co Premio do Público do Festival Cine y Zona); ou Vulgaris, de Mario Fernández (Segundo Premio Xuventude Crea), mentres De: Mí, Para: Yo, de Jean Michel Vidal ou Película, de Alba Amoedo, terán a súa estrea nesta edición do Facom Fest. Así mesmo, son parte desta categoría a curta de Leo Pereiro O tecido da memoria (My room number is cucumber), Años y lugares (dirixida por Sofía García), a peza documental sobre a perda do patrimonio galego Terra esquecida (de Ander López, David Sanmartín e Anxo Sesto), Palomas de agua (obra elaborada por Daniel Valcárcel a partir do seu arquivo familiar), e WHERE WE MEET de Aniana Barreiro.

Nesta edición, o festival implementou unha nova categoría dirixida a valorar a creatividade e traballo detrás dos videoclips. Como é habitual, moitas destas creacións estreáronse a través de redes sociais e plataformas, pero o Facom Fest supón o primeiro espazo público de exhibición para a maioría delas (se ben Michi & Yoshirin , de Daniel Iglesias para dalsi , foi seleccionado no Festival de Cans) e presenta unha mostra da produción musical galega recente. Nese sentido, a categoría inclúe traballos como o do Colectivo i (conformado por Xacobe Bruña, Elías Pérez e Román Pereira), que realizou o clip de No Name para a banda de grunge, nu metal e punk lucense Beach Avenue; de Pablo Cumbraos (que realizou o vídeo de Pequenos soños do cantante Álex Barreira como parte dunha materia de primeiro de Comunicación Audiovisual) ou Andrea Varela, que realizou o clip de T-Í-O para Amorodo. Completan a sección o fashion film 300K de Beatriz Lampón , Círculos (dirixido por Sofía Batovaz e Alicia Rey e interpretado por Paloma Sigüeiro e Sara Negreira), as feridas do amor (tema de Berto e ash diz, quen tamén dirixe o clip xunto a Hugo Rodríguez) e Chegou o verán, clip realizado por Elena Vázquez para Migui Bouzó, que actuará na última xornada do Facom Fest.

Estas tres categorías estarán tamén representadas na sección Non Competitiva. Ás obras xa anunciadas de Lucía Estévez, Helena González, Paula Fuentes ou Iago Vilarinho , convidadas polo equipo de programación do festival, súmanse agora diferentes pezas fóra de competición. Concretamente, obras de ficción como Señora, por favor (dirixida por María Alonso e Alma Aragón e producida por Amazon Prime Video tras gañar o concurso de guión CIMA 10); de non ficción como O rizo de Xoán Bregua (que recibiu o Segundo Premio Fas Muvis dentro do OUFF) e videoclips como Todas somos Agustín e Pobos , elaborados no IES Santiago Basanta Silva . As proxeccións destas diferentes seccións terán lugar nas tardes do luns 27 ao 30 de novembro e súmanse así a un elaborado programa de actividades que acolle a Facultade de Ciencias de Comunicación da USC excepto o martes, día no que o Facom Fest se traslada á Facultade de Filosofía. As citadas actividades inclúen un obradoiro de cianotipia (proceso fotográfico de estampación que da como resultado imaxes cun ton azul cian) impartido por Manolo Fidalgo, técnico da Facultade de Ciencias da Comunicación en colaboración co Club de Fotografía; ou diferentes charlas con profesionais do sector como Lucía Piñeiro , cofundadora da Asociación Memoria e Cinema e codirectora da curtametraxe Mariví, Na Pel da Memoria; Julio Vilariño , integrante do Cineclube de Compostela; María Soliña Barreiro , docente na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e investigadora no Grupo de Estudos Audiovisuais; María Yañez, editora e produtora de medios dixitais, David Fidalgo, animador e director da curta nominada ao Goya por Homomaquia e laureado por Sandwich Cat co Mestre Mateo; e Adrián Canoura , responsable dos videoclips de Baiuca entre outros, e cineasta con obras como Caerán lóstregos do ceo.

COMPOSICIÓN DAS SESIÓNS

FICCIÓN 1
Luns 27 | 16:00 | Auditorio Ciencias da Comunicación

Illa Cordura (Mario Fernández Filloy, 12’)
Redención (María González, 3’)
La curiosidad mata al gato (Bernat Roqué, 9’)
TARA (Rebeca Tella e Daniel Filloy, 17’)
El dilema de la pistola (Sira Goyanes e Raúl Cobas, 15’)


FICCIÓN 2
Mércores 29 | 16:00 | Auditorio Ciencias da Comunicación


Excoriación (Eva Iglesias Lorenzo, 3’)
Uxía (Javier Santana Taboada, 8’)
O silencio (Alex Viador, 3’)
Toxos (Jacqueline Reimúndez e Anxo Cambón, 13’)
Súper-Agobiada (Uxía Soutullo, 3’)
En el Valle de la Perseverancia (Isaac Gulías, 15’)
DOENTE (Noelia Sánchez Souto, 13’)


NON FICCIÓN 1
Martes 28 | 16:30 | Auditorio Filosofía


O tecido da memoria (My room number is cucumber) (Leo Pereiro, 25’)
Terra esquecida (Ander López, David Sanmartín e Anxo Sesto, 19’)
Años y lugares (Sofía García, 27’)


NON FICCIÓN 2
Xoves 30 | 17:30 | Auditorio Ciencias da Comunicación


Tan só o demo lembra (Dani Iglesias, 5’)
WHERE WE MEET (Aniana Barreiro Seara, 6’)
Palomas de agua (Daniel Valcárcel, 15’)
Vulgaris (Mario Fernández Filloy, 5’)
De: Mí, Para: Yo (Jean Michel Vidal García, 15’)
Película (Alba Amoedo, 3’)


VIDEOCLIPS
Mércores 29 | 19:00 | Auditorio Ciencias da Comunicación


as feridas do amor [Berto e ash diz] (ash diz e Hugo Rodríguez, 4’)
Pequenos soños [Álex Barreiras] (Pablo Cumbraos, 4’)
CÍRCULOS (Sofía Batovaz Campos e Alicia Rey Vigo, 13’)
300K (Beatriz Lampón, 2’)
Michi & Yoshirin [Dalsi] (Dani Iglesias, 3’)
T-Í-O [Amorodo] (Andrea Varela, 3’)
CHEGOU O VERÁN [Migui Bouzó] (Elena Vázquez, 3’)
No Name [Beach Avenue] (Colectivo i, 5’)


NON COMPETITIVA FICCIÓN
Xoves 30 | 17:30 | Auditorio Ciencias da Comunicación


O neno sardiña (Lucía Estévez, 14’)
Señora, por favor (María Aragón e Alma Alonso, 5’)
La cuarta dimensión (Taro K Zelada, 18’)


NON COMPETITIVA NON FICCIÓN
Luns 27 | 19:00 | Auditorio Ciencias da Comunicación


Lucita (Paula Fuentes, 14’)
MINHAMENINHA (Helena González, 33’)
O rizo (Xoán Bregua, 7’)


NON COMPETITIVA VIDEOCLIPS
Martes 28 | 19:00 | Auditorio Filosofía


Augurio [hydn] (Iago Vilarinho e Xaime Miranda, 3’)
to those who found and had to let go [RYMER] (Iago Vilarinho, 4’)
Moovy [M. Sevener] (Iago Vilarinho, 3’)
Todas somos Agustín (IES Santiago Basanta Silva, 3’)
POBOS (IES Santiago Basanta Silva, 2’)
O teu ícaro (Migui Bouzó, 3’)

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *