Palmarés Facom Fest 2023

• Na categoría de Ficción a obra gañadora foi Toxos, de Jacqueline Reimúndez e Anxo Cambón

Vulgaris, de Mario Fernández Filloy, foi a obra galardonada de Non Ficción

• A peza No Name, asinada polo Colectivo i para a banda Beach Avenue, leva o premio na categoría de videoclip

• En cada categoría houbo tamén varias mencións especiais en recoñecemento a labores técnicas e artísticas


Despois de catro días completos nos que o público puido ver as obras e participar en coloquios e actividades, chegou o momento de coñecer as pezas gañadoras da II edición do Facom Fest . Nunha gala amenizada pola actuación da cantante Gloria Pavía xunto ao baixista Rafa Morales , os equipos das obras gañadoras subiron ao escenario a recibir os seus premios en presenza dos xurados profesionais e novos do festival, a Vicerreitora de Cultura e Estudantes da USC Pilar Murias e numeroso público reunido no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación.

Toxos, Jacqueline Reimúndez e Anxo Cambón

Na categoría de ficción había un total de doce pezas seleccionadas de diferentes xéneros. O xurado formado por Álvaro Gago (director de Matria), Silvia Fuentes (produtora en Sétima e xefa de produción en O corno) e a alumna Aira Portos decidiron que o premio debía ir para Toxos “pola súa proposta refrescante que xoga cos elementos do xénero ao que se achega de maneira intelixente e acertada”. Esta historia de aventuras que viaxa polas lendas e o misticismo galego da man de catro rapaces e rapazas de 12 anos nace como traballo de fin de grao dos seus directores Jacqueline Reimúndez e Anxo Cambón , e do director de fotografía Samuel Román .

Vulgaris, Mario Fernández Filloy

Na categoría de Non Ficción, o festival seleccionou un total de 9 obras, onde o público puido ver dende pezas ubicadas na tradición documental ata un campo máis experimental e varias pezas marcadas polo uso do material de arquivo doméstico. O xurado desta categoría, composto por María Yáñez (creadora e directora da revista dixital Vinte e encargada da promoción de películas como O corno ou Matria), Antía Carreira (autore de Ola Baby (Video-ensaio sobre a miña depresión)) e a estudante Marta García, outorgaron o premio á obra Vulgaris de Mario Fernández Filloy “pola súa abordaxe visual, a plasticidade da imaxe, o ritmo dinámico e o seu tratamento sonoro”. Vulgaris segue o proceso polo que pasa o polbo ata chegar ao prato de madeira, buscando unificar a estetica e o sentimento relacionado historicamente cos cefalópodos no mundo da arte coa cultura do polbo nas feiras galegas.

No name, Colectivo i (Xacobe Bruña Alonso, Elías Pérez Alvariño e
Román Pereira Cuba)

Das oito pezas seleccionadas na categoría de videoclip, o xurado formado por Adrián Canoura (responsable dos videoclips de Baiuca entre outros, e cineasta con obras como Caerán lóstregos do ceo), Sara Faro (que xunto a María Soa forma o grupo musical Fillas de Cassandra) e a alumna Ximena Torrón , considerou que a peza No Name , dirixida por Colectivo i (Xacobe Bruña Alonso, Elías Pérez Alvariño e Román Pereira Cuba) para a banda de Grunge/Nu Metal e punk lucense Beach Avenue, merecía gañar “por ser unha proposta diferente que xoga con recursos orixinais obtendo un resultado sólido que consegue adecuarse ao estilo”.

Para a II edición do Facom Fest o xurado profesional e o xurado novo decidiron dar mencións especiais para cada unha das categorías ás seguintes obras seleccionadas:

Ficción:

• Mellor deseño sonoro para Arón Arias Dono por Illa Cordura
• Mellor montaxe para Rebeca Tella por TARA
• Mellor interpretación para Rubén Buezas no papel de Bruno en Toxos


Non Ficción:

• Mellor dirección de arte para Dani Iglesias por Tan só o demo lembra
• Mellor dirección para Aniana Barreiro por Where We Meet
• Mellor dirección de fotografía para Mario Fernández FIlloy por Vulgaris .


Videoclip:

• Mellor dirección de fotografía para Sofía Batovaz Campos e Alicia Rey Vigo por Círculos
• Mellor dirección de arte para Beatriz Lampón por 300K

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *