• O alumnado de Comunicación Audiovisual da USC organiza este festival como unha oportunidade para que a xuventude mostre o seu talento.
• O festival abre a recepción de obras para as modalidades competitivas e non competitiva ata o 9 de Novembro.
• Ademais das proxeccións, a programación do festival incluirá actividades e eventos que complementan a formación das propias aulas.
Santiago de Compostela, 23 de Outubro de 2023 . O festival de cine Facom Fest, que comezou a súa andadura no 2022, volve este ano cunha segunda edición que terá lugar en diferentes espazos da Universidade de Santiago de Compostela do 27 ao 30 de Novembro . Esta proposta levada a cabo polo alumnado de 4º de Comunicación Audiovisual busca achegar á cidade e á comunidade estudantil creando un espazo onde os estudantes podan dar a coñecer as súas obras e que poña en valor o traballo e creatividade da xuventude galega.
Precisamente, despois dunha edición na que se proxectaron e premiaron pezas realizadas no marco de estudos audiovisuais e artísticos, este ano o festival permite a participación de todo o estudantado matriculado en calquera universidade ou centro de formación galego independentemente dos estudos que estea a realizar. As obras poderán presentarse a unha das dúas seccións que conforman o Facom Fest: unha competitiva con categorías de Ficción, Non Ficción e Videoclips ; e outra non competitiva destinada unicamente á exhibición das obras. Toda aquela persoa que queira participar debe enviar a súa peza antes do 9 de Novembro a través dun formulario dispoñible nas redes sociais do festival.
As obras adscritas á modalidade competitiva serán valoradas por un xurado conformado tanto por profesionais do sector como por estudantes , buscando unir perspectivas de diferentes xeracións e traxectorias. Ademais das proxeccións, o festival contará tamén con diversos eventos e actividades formativas como xa aconteceu o ano pasado, cando se organizaron encontros con profesionais do sector como a produtora Trece Amarillo (responsables dos videoclips de Tanxugueiras), masterclasses como a que impartiu Belén Puime (directora da webserie Pringadas) sobre como facer un pitching, e espectáculos como o concerto de clausura a cargo dos artistas Aeronave Adolescente e Futuro Alcalde.
O Facom Fest preséntase, así, como unha oportunidade de exhibición para todas aquelas obras que quedan fóra da atención dos festivais e dos medios, para que as súas persoas autoras poidan acadar unha maior visibilidade ao mesmo tempo que entran en contacto coa realidade profesional do sector audiovisual ou con aspectos desta que non adoitan aparecer nos plans de estudos.