Que é o Facom Fest
O Facom Fest, un festival de cine para o estudantado galego, nace na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e ten por obxectivos tanto ser un escaparate para aquelas pezas que o alumnado de centros galegos produce ao longo da súa etapa formativa como achegar entre elas á cidade e á comunidade estudantil, creando un espazo onde esta última poña en valor o traballo e a creatividade da mocidade galega.
Comeza a súa andaina no ano 2022 vencellado á materia de 4º de Comunicación Audiovisual Promoción e Difusión da Obra Audiovisual e continúa ao ano seguinte abrindo a participación a todo o estudantado matriculado en calquera centro de formación galego. Este ano regresa coa súa terceira edición que terá lugar en diferentes espazos do campus universitario da USC entre os días 25 e 28 de Novembro.
O Facom Fest preséntase como unha oportunidade para todas aquelas pezas que quedan fóra da atención dos festivais e medios, para que as persoas que as crean poidan acadar unha maior visibilidade e, ao mesmo tempo, entrar en contacto coa realidade profesional do sector audiovisual que non adoita contemplarse nos plans de estudos.