Regresa o Facom Fest, o festival de contidos audiovisuais organizado polo alumnado da USC

O evento terá lugar do 25 ao 28 de novembro, contando coa Facultade das Ciencias da Comunicación como escenario principal.
Parte do estudantado de cuarto curso de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela organiza unha terceira edición deste festival na procura dun espazo para que a mocidade de toda Galicia amose o seu talento.
O festival contará, ademais de con proxeccións e entregas de premios, cunha ampla programación que vai dende concertos ata charlas e obradoiros vencellados á creación audiovisual.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2024. O festival de contidos audiovisuais Facom Fest regresa cunha terceira edición despois do éxito colleitado nas dúas primeiras entregas. Esta iniciativa xorde novamente do alumnado de 4º do grao de Comunicación Audiovisual da USC que, xunto co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, busca achegar á cidade un espazo de encontro no que integrantes da comunidade estudantil poidan dar a coñecer as súas obras e, deste xeito, resaltar o traballo e o talento da xuventude galega en materia audiovisual.

O prazo de inscrición comezou o pasado venres 18 e continuará aberto ata o martes 5 de novembro, vinte días antes da xornada inaugural do festival. Un ano máis, a participación no Facom Fest contempla ao alumnado matriculado en calquera universidade ou centro de formación galego, independentemente dos estudos que estea a realizar. As obras poderán presentarse a unha das dúas seccións que conforman o Facom Fest: a competitiva, con tres categorías – Ficción, Non Ficción e Videoclips – nas que a vitoria vai acompañada dunha compensación económica; e a non competitiva, destinada unicamente á exhibición das obras. Toda aquela persoa que estea interesada en participar debe inscribir a súa obra a través dun formulario dispoñible nas redes sociais do festival e na súa páxina web.

As obras adscritas á modalidade competitiva serán valoradas por un xurado integrado por estudantes e profesionais do sector, buscando unificar perspectivas de diferentes traxectorias e xeracións. Sara Faro e Álvaro Gago son algúns dos nomes que estiveron valorando as pezas presentadas a competición nas anteriores edicións.

Ademais das proxeccións, o festival contará tamén con actividades formativas como xa aconteceu nas entregas pasadas. Tendo como exemplo os encontros organizados con Belén Puime (directora da webserie Pringadas e reporteira da TVG) ou Adrián Canoura (creador que traballa formatos tan diversos como o videoclip, da man de artistas como Baiuca, ou o cine experimental, con pezas como Da morte nace a vida). Sen esquecer a presencia de eventos musicais, como foron os concertos de Futuro Alcalde ou Migui Bouzó en 2022 e 2023 respectivamente.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *