Facom Fest 2025

O XOCIVIGA SERÁ O FESTIVAL CONVIDADO DO FACOM FEST 2025

O Facom Fest consolida este ano a figura do festival convidado, unha iniciativa que busca establecer pontes entre eventos culturais e fortalecer o diálogo entre creadoras, estudantes e profesionais do audiovisual. Tras a colaboración co festival Novo Enfoque na pasada edición, o festival dá un novo paso nesta aposta pola cooperación interfestivaleira e anuncia que o XOCIVIGA – Mostra Internacional de Cinema e Videocreación do Carballiño será o festival convidado do Facom Fest 2025.

 

O XOCIVIGA, que se celebra do 19 ao 23 de novembro, colaborará directamente coa Sección Competitiva Galega do Facom Fest, onde concederá a Mención Especial XOCIVIGA, un recoñecemento propio dentro da categoría galega do festival compostelán. Pola súa parte, o Facom Fest participará tamén na programación do XOCIVIGA: o festival da USC constituirá un xurado propio encargado de valorar as obras incluídas na sección XÉNESE, dedicada ao talento emerxente.

Esta alianza supón un novo paso no compromiso de ambos festivais coa visibilización do talento novo, a difusión de creacións audiovisuais contemporáneas e a consolidación dunha rede cultural activa dentro de Galicia. A colaboración entre o Facom Fest e o XOCIVIGA reforza así a vontade compartida de crear espazos de encontro, aprendizaxe e exhibición para novas voces do audiovisual.

Scroll ao inicio